ENTRE A ARTESANÍA E A ESCULTURA

Longa noite de pedra
O teito é de pedra.
De pedra son os muros
i as tebras.
De pedra o chan
i as reixas,
as portas,
as cadeas,
o aire,
as fenestras,
as olladas,
son de pedra.
Os corazóns dos homes
que ao lonxe espreitan,
feitos están
tamén
de pedra.
I eu, morrendo
nesta longa noite
de pedra.
Celso Emilio Ferreiro – 1912 a 1979
Aquí ven o maio
Aquí ven o maio
de frores cuberto…
puxéronse á porta
Cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min extendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.
Pasai, rapaciños,
calados e quedos,
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sónvo – lo probe:
do pobo galego
¡pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno!…
Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan no me quiten,
trabucos e préstemos,
e como os do abade,
frorezan meus eidos
chegado haberá enton
O maio que eu quero
¿Queredes castañas
dos meus castiñeiros?…
Cantádeme un maio
Sen bruxas nen demos;
Un maio sen segas,
usuras nin preitos,
nin foros, nin cregos.
Manuel Curros Enríquez – 1851 a 1908


Desgrazas
Por moito que tape os ollos
as desgrazas seguen pasando.
Castelao – 1886 a 1950
Gaita
Probe Galicia, non debes
chamarte nunca española,
que España de ti se olvida
cando eres, ¡ai! tan fermosa.
Cal si na infamia naceras,
torpe de ti se avergonza,
i a nai que un fillo despresa
nai sin corasón se noma.
Naide por que te levantes
che alarga a man bondadosa;
naide os teus prantos enxuga,
i homilde choras e choras.
Galicia, ti non tes patria,
ti vives no mundo soia,
i a prole fecunda túa
se espalla en errantes hordas,
mentras triste e solitaria
tendida na verde alfombra
ó mar esperanzas pides,
de Dios a esperanza imploras.
Por eso anque en son de festa
alegre á gaitiña se oia,
eu podo dicirche:
non canta, que chora.
Resposta ó poeta Ventura Ruiz de Aguilera
Rosalía de Castro – 1837 a 1885
