PIÑEIRAL CASTREXO

Estamos no punto máis suroccidental de Galicia, nun recuncho máxico no que o Miño traza a raia azul que nos separa xeograficamente de Portugal e desemboca no Atlántico cara a un dos solpores máis fermosos do país, presidido polo impoñente Monte Santa Tegra e a súa citania, icona da Galicia castrexa. Alí, no lugar coñecido como O Puntal, na Entidade Local Menor de Camposancos –na Guarda–, un espectacular piñeiral saúda os peregrinos que percorren o Camiño Portugués e os veciños e visitantes que transitan por un paseo de madeira que conecta a praia do Muíño e o miradoiro do Puntal. Estamos ante o rebautizado Piñeiral Castrexo, un sitio onde a natureza abraza os nosos devanceiros, onde os troncos fan de soporte do noso pasado castrexo, onde esvásticas e trísceles celtas enfeitan o bosque nunha obra de arte perecedoira.

Alberto Quian.